Thursday 09 de May de 2024

O concello de Ribeira roza máis de 25 km de camiños e parcelas municipais


O concello de Ribeira acometeu no último mes traballos de roza en máis de 25 kilómetros de camiños e estradas no término municipal.

Actualmente hai 12 operarios traballando que, dende xullo, intensificaron as tarefas de roza nas parroquias de Aguiño, Oleiros, Corrubedo, Artes, Castiñeiras, Palmeira e Ribeira.

“Estamos a traballar para manter as marxes das estradas libres de vexetación para garantir unha mellor visibilidade así como para evitar danos na infraestrutura.” afirma Tania Redondo, concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais. “Tamén era urxente acometer labores de limpeza en outros espazos públicos, como o Parque de San Roque”.

Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez explica que as tarefas de roza son esenciais para a prevención de incendios así como para “evitar a acumulación de sedimentos que poidan obstruír o fluxo da auga. Por iso estamos a limpar as gabias e cunetas antes de que comece a tempada de chuvias”. Tamén recordou que “dende o Concello tamén estamos a incidir para que se realicen tarefas de limpeza nas estradas que pertencen á Deputación, coa fin de evitar problemas de visibilidade para os condutores que circulan por estas vías.”